Identifícate aquí ou Rexístrate



Que é nsaio

nsaio é un programa promovido pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Entre os seus obxectivos figura o de habilitar locais de ensaio para os novos grupos musicais do territorio galego. Estes locais teñen como finalidade principal ser un servizo para que a mocidade galega poida ter espazos axeitados para a expresión das súas manifestacións artísticas musicais.

Ademais, o programa contempla toda unha serie de actividades para consolidar a moitos dos grupos noveis que agora mesmo se están creando ao amparo dos locais de ensaio adheridos á rede. Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado estamos satisfeitos de poder presentarvos este portal da Rede Galega de Locais de Ensaio, xa que para nós, a Rede é moito máis que unha infraestrutura física. A capacidade de motivación, dinamización e apoio aos grupos e músicos é un dos piares básicos do seu éxito.

Se a Rede Galega de Locais de Ensaio proporciona aos grupos un espazo completamente equipado para traballar e mellorar, a web de nsaio ofrece, de balde, un sitio virtual propio no que a mocidade galega con inquedanzas musicais poderá dar publicidade ao seu traballo. Máis aínda, aquí atopará toda a información precisa para sacarlle o máximo partido á súa actividade: como acceder aos locais de ensaio da Rede, axenda de eventos e concursos do panorama musical, ligazóns a discográficas...

Coa única condición de completar un proceso de inscrición, e de forma completamente gratuíta, os grupos terán á súa disposición unha web propia onde facer público todo o material que desexen, un servizo exclusivo de asesoría legal e un taboleiro de anuncios onde intercambiar instrumentos, atopar cantantes ou pactar concertos. Pola súa banda, os usuarios individuais que se dean de alta no portal poderán valorar as cancións, seleccionar aos seus favoritos e facerlles chegar aos grupos as súas opinións.

O principal obxectivo do programa nsaio é darlle respostas ás inquedanzas musicais da xuventude. Esta web é unha ferramenta que nos axudará a conformar unha rede viva, áxil e que serva como dinamizadora para os novos creadores musicais do noso país, un instrumento fundamental e realmente novidoso para a promoción e o apoio aos grupos noveis galegos.
mapa ribadeo ribas de sil pontedeume betanzos carballo santiago lalin boiro redondela candean, vigo tui arzua monforte mugardos pontevedra vilagarcia

Busca no mapa o teu local de nsaio