Identifícate aquí ou Rexístrate


O que opinan de nsaio

Le Punk: "É importante poñer ao alcance da xente con inquietudes material para realizalas"

26/03/2009

NsaioTV falou cos membros de LePunk antes de que estes actuaran na Festa do Queixo e contáronnos o importante que consideran a persistencia de iniciativas como Nsaio, para o presente e futuro da música.

O primeiro en falar foi o baixista do grupo, Daniel Fernández, afirmando que “parécenos estupenda a iniciativa dos locais gratuítos porque é o xeito máis importante de que os mozos e as mozas comecen a fomentar a cultura do seu lugar de orixe e, ademais, é moito mellor adicarse a facer música que a facer calquera outro tipo de barbaridade”. Fernández engadiu que “é moi difícil atopar o teu xeito de expresarte, e resulta importante que existan infraestruturas para facelo”.

Pola súa parte, o vocalista do grupo, Alfredo Fernández, dixo que lle parecía “moi bo porque poñer ao alcance da xente que ten inquietudes material para levalas a cabo é importante e sempre hai algo positivo despois”. Fernández amósase profético e chamou a atención sobre a rendibilidade desta iniciativa no futuro cando vaticinou que “isto notarase probablemente dentro de 10 anos, cando as bandas galegas se multipliquen e aumente a súa calidade porque é esencial para tocar ter un local de ensaio”. O cantante de Le Punk remata recordando que “moitas veces a xente nova non ten cartos para pagar un local de ensaio e penso que está ben que as administracións presten atención á música”.

O guitarrista do grupo, Joe Eceiza, comezou dándolle importancia á posibilidade de extrapolar a iniciativa Nsaio: “a ver se aprenden outro pobos e a xente vai sumándose a esta iniciativa”. Despois destacou o feito de que o traballo dos músicos estea exposto en internet porque “é moi fácil acceder ao que fan e, ademais de poder ensaiar e gravar maquetas, tamén teñen así a posibilidade de que xente como nós poda ver o seu traballo”

Pola súa parte o percusionista da formación, Nacho Labrador, limitouse dicir que “é unha iniciativa estupenda e unha oportunidade que non todo o mundo ten, polo que animo a todo o mundo a ensaiar”.

Vídeo

Le Punk