Identifícate aquí ou Rexístrate
ÁS 22.30 NO CLUB DEL MAR, CON ENTRADA LIBRE
Xa van aló sete anos desde que a banda coruñesa se xuntou por primeira vez para facer música. Forxada e madurada como banda de directo, Tiruleque culmina esta longa xeira coa edición do seu primeiro traballo discográfico, que se presenta mañá venres cun concerto na Coruña.
Lugnasad de Bretoña, A Marosa, Leirado, Couso , Pardiñas, Ortigueira... Os mellores festivais folk do país xa os tiveron tocando en directo. Porén, agora todo o mundo pode levar a Tiruleque para a casa: o primeiro disco da banda xa está rematado e listo para mercar.
Integramente autoproducido e gravado nos estudios Bonham da Coruña, o novo disco chámase igual que o pai: “Tiruleque”. O repertorio camiña de a cabalo entre as composicións propias e as recollidas da tradición oral e dos cancioneiros populares. Con todo, Tiruleque aposta por reinterpretar este acervo para dotalo dunha pegada propia nos modos e tonalidades. Á hora de definir o seu universo creativo, o grupo evita as etiquetas: eles fan “música galega”, sen máis.
Actualmente, a formación da banda está composta por Antón Bueno (contrabaixo, gaita e coros), Álex Fente (acordeón e coros), Pablo Pintor (clarinete, gaita, pito galego, triángulo e voz), Fernando Román (saxo, clarinete, gaita e coros), Miguel Horjales (caixa, percusións e coros) e Luís García (bombo con pratos, percusións e coros). Entre todos xuntan anos de experiencia nun feixe de grupos, entre eles Lumieira, Xirtam, Landrú, Arume, Banda Potemkin ou Cántigas da Terra.
Tres dos temas do disco están preparados para a escoita ou descarga, tanto no espazo de Tiruleque en Nsaio como na web oficial do grupo. Trátase de “Xota Bakalada”, “Buscás” e “Señá Lixandra”. Quen se achegue ao concerto de presentación terá ocasión de mercar o novo traballo e de asistir, segundo aseguran desde a propia banda, a unha actuación que “promete moita festa e algunha que outra sorpresa”. Todo isto, a partir das 22.30 de mañá venres no Club del Mar de San Amaro, na Coruña.